Antonio Seoane, guerrilleiro antifascista galego, naceu en Boiro o 13 de outubro de 1906. Á idade de 5 anos tivo que emigrar coa súa familia para Arxentina, pero isto non foi un impedimento para que este boirense de nacemento seguise estando en contacto coa realidade do seu país xa que dende moi novo mantén relación cos emigrantes que van chegando a Bos Aires dende Galiza. Intégrase na Federación de Sociedades Galegas onde entra en contacto cos fuxidos da Guerra Civil e no ano 1939 entra a militar no Partido Comunista Español co fin de loitar contra o fascismo.
Por instrucións do Partido, viaxa a diferentes zonas da península (Nafarroa, Barcelona e Madrid), onde realiza labores de propaganda e axitación e onde coñece entre outros, a Xosé Gómez Gaioso. No ano 1944 regresa a Galiza como xefe do Exercito Guerrilleiro de Galiza, no que sería o período máis activo da guerrilla, executando numerosas accións contra o réxime franquista. En 1948 é capturado pola Garda Civil, torturado vilmente durante meses e o 6 de novembro de 1948, executado por garrote vil por “actividades comunistas” no Campo da Rata (A Coruña).